Close

O FAIADO DE NEOFEM

Por que somos NeoFem LuisSeoane? Neste 25- N, xornada de loita contra a violencia de xénero, non está de mais lembralo.


O noso traballo nace da indignación e a impotencia que nos está a causar o continuo pingar de noticias, de testemuños de mulleres coñecidas e cercanas que sofren a violencia machista en forma de violacións, vexacións continuas, violencia psicolóxica, maltrato físico, ameazas, medo e horribles asasinatos de mulleres e dos seus fillos e fillas. Non aturamos máis estar impasibles. Non sabemos que facer para deter isto. Queremos iso si, tentalo. Tentar reflexionar sobre as causas, axudar a previr e a construír novos modelos de relación respectuosos, intervir activamente na nosa contorna, coa reflexión, co exemplo e co alento e acompañamento ás vítimas. Tamén coa sanción das condutas que cremos, non só non axudan a deter este problema, senón que, pola contra, contribúen a alimentalo. Alén dos avances no empoderamento feminino nas últimas décadas, atopámonos ante unha sociedade machista que, ademais, semella estar ante un retroceso en materia de igualdade; onde a resposta aos crimes atroces segue a ser mironizalos, xustificalos, exculpalos e, sobre todo, interiorizalos como habituais, normais, inevitables, merecidos, mesmo. Impónsenos de maneira «inofensiva» unha sorte de aceptación/resignación aos roles de segundo plano aos que nos vemos sometidas as mulleres, adoptándoos como naturais («unha rapaza debe xogar con bonecas, un rapaz con coches», «se non aprendes a cociñar, non vai haber quen te case» «pero viches como ía vestida? Ía buscando o que lle pasou…» «tanto escote o que deixa a vista e falta de autoestima», “ se non lle fan gracia as miñas bromas sexistas é porque é unha estreita,… ). Percibímolo, notámolo, pero somos mozas e aínda non nos temos afeito de todo, non nos temos resignado a que sexa norma. Os nosos pais e nais, as nosas mestras e mestres dixéronnos moitas veces que somos iguais, que merecemos o mesmo respecto, a mesma Liberdade, o mesmo futuro, homes e mulleres. Queremos crer que é así, pero percibimos no noso día a día que non, que aínda non, que hai que loitalo.


É por esta serie de inxustizas nas que nos vemos atrapados (tanto homes como mulleres), que creamos esta plataforma de debate e traballo, onde buscamos:


Rexeitar os roles de xénero no doméstico, no laboral, no político e tamén aquí, no educativo.


  • Acabar co papel tradicional da muller como subordinada ao home e denunciar cando se nos impoña (casaremos e teremos fillos se queremos, non porque debamos).
  • Fomentar uns valores de irmandade, de respecto, de non competitividade senón de colaboración: xuntas e xuntos somos máis fortes e mellores
  • Denunciar as desigualdades laborais e salariais que seguimos a padecer as mulleres. Estudamos igual, obtemos resultados académicos iguais e mellores: queremos incorporarnos a un mercado laboral onde esa igualdade de oportunidades sexa real.
  • Abolir o uso do corpo feminino como mercadoría, como obxecto: o noso corpo é noso.
  • Rachar cos mitos do amor romántico, rachar coas dependencias emocionais en termos de desigualdade.
  • Naturalizar a menstruación (non é motivo de vergoña e escándalo, por que entón temos que seguir aturando estas reaccións nas aulas?), naturalizar a sexualidade e o respecto á liberdade de cada un e de cada unha, entre compañeiros e compañeiras e non permitir que sigamos a cualificar ás persoas de “mozos ligóns” ou “mozas putas” ante as mesmas conversas, ante os mesmos comportamentos.

Queremos visibilizar que TEMOS UN PROBLEMA: nós, percibímolo claramente e cada día: queremos poder saír á rúa como, con, e cando queiramos, sen temer non regresar. Queremos que comportarnos como nos praza non sexa de valentes, senón a rutina. Mobilizámonos no nome de todas as que foron caladas, das que temen falar, e ata das que nos atacan só por abrir a boca. Mobilizámonos para que as que veñan non teñan que facelo, só mantelo. Estamos aquí para dar solución a que ser muller continúe a ser un PROBLEMA. Axúdanos, pensa e actúa con nós.

Monte Porreiro, Pontevedra 25-11-2017


NeoFem Luís Seoane


Consello da Muller Nova do IES Luís Seoane


No se han encontrado entradas.