O noso traballo nace da indignación e a impotencia que nos está a causar o continuo pingar de noticias, de testemuños de mulleres coñecidas e cercanas que sofren a violencia machista en forma de violacións, vexacións continuas, violencia psicolóxica, maltrato físico, ameazas, medo e horribles asasinatos de mulleres e dos seus fillos e fillas. Non aturamos máis estar impasibles. Non sabemos que facer para deter isto. Queremos iso si, tentalo. Tentar reflexionar sobre as causas, axudar a previr e a construír novos modelos de relación respectuosos, intervir activamente na nosa contorna, coa reflexión, co exemplo e co alento e acompañamento ás vítimas. Tamén coa sanción das condutas que cremos, non só non axudan a deter este problema, senón que, pola contra, contribúen a alimentalo. Alén dos avances no empoderamento feminino nas últimas décadas, atopámonos ante unha sociedade machista que, ademais, semella estar ante un retroceso en materia de igualdade; onde a resposta aos crimes atroces segue a ser mironizalos, xustificalos, exculpalos e, sobre todo, interiorizalos como habituais, normais, inevitables, merecidos, mesmo. Impónsenos de maneira “inofensiva” unha sorte de aceptación/resignación aos roles de segundo plano aos que nos vemos sometidas as mulleres, adoptándoos como naturais (“unha rapaza debe xogar con bonecas, un rapaz con coches”, “se non aprendes a cociñar, non vai haber quen te case” “pero viches como ía vestida? Ía buscando o que lle pasou…” “tanto escote o que deixa a vista e falta de autoestima”, “ se non lle fan gracia as miñas bromas sexistas é porque é unha estreita,… ). Percibímolo, notámolo, pero somos mozas e aínda non nos temos afeito de todo, non nos temos resignado a que sexa norma. Os nosos pais e nais, as nosas mestras e mestres dixéronnos moitas veces que somos iguais, que merecemos o mesmo respecto, a mesma Liberdade, o mesmo futuro, homes e mulleres. Queremos crer que é así, pero percibimos no noso día a día que non, que aínda non, que hai que loitalo.
É por esta serie de inxustizas nas que nos vemos atrapados (tanto homes como mulleres), que creamos esta plataforma de debate e traballo, onde buscamos:
Queremos visibilizar que TEMOS UN PROBLEMA: nós, percibímolo claramente e cada día: queremos poder saír á rúa como, con, e cando queiramos, sen temer non regresar. Queremos que comportarnos como nos praza non sexa de valentes, senón a rutina. Mobilizámonos no nome de todas as que foron caladas, das que temen falar, e ata das que nos atacan só por abrir a boca. Mobilizámonos para que as que veñan non teñan que facelo, só mantelo. Estamos aquí para dar solución a que ser muller continúe a ser un PROBLEMA. Axúdanos, pensa e actúa con nós.
Monte Porreiro, Pontevedra 25-11-2017
NeoFem Luís Seoane
Consello da Muller Nova do IES Luís Seoane