Close

O NOSO PROXECTO

O noso proxecto, UN CUARTO PROPIO EN CASA COMPARTIDA leva no seu nome unha homenaxe á obra de Virginia Woolf que significou por parte da escritora inglesa unha reivindicación do espazo, a independencia e o respecto para as mulleres nun contexto, primeiras décadas do século XX, no que a desigualdade xurídica se sumaba á social para as mulleres. No noso proxecto de traballo buscamos facer visibles os pasos dados dende entón para acadar no noso contexto de Europa occidental a igualdade xurídica para todas, e os avances e permanencias en canto á desigualdade social. Sinalaba Virginia Woolf a necesidade de independencia económica como condición imprescindible para acadar ese espazo propio. Veremos tamén como no aspecto económico, non so no mundo occidental, senón a escala global, os desequilibrios se seguen a manter.


Falamos dun Cuarto propio, á hora de dar luz á historia e á situación real das mulleres e desentrañar as súas causas e á hora de reivindicar o lugar propio que lle corresponde nesa historia e nesa sociedade igualitaria. Pero falamos tamén de CASA COMPARTIDA porque o obxectivo último do noso proxecto é o asentamento dunhas bases sólidas para a igualdade dende a coeducación. Consideramos que para iso será preciso primeiro coñecer  a orixe histórica e o fundamento teórico do patriarcado, para poder entón encarar unha “reforma integral” desa nosa casa compartida na que poidamos acadar unha sociedade igualitaria e xusta, na que non teña lugar a violencia de xénero e na que desvelar os estereotipos de xénero que seguen a lastrar o alcance dunha sociedade verdadeiramente igualitaria.

A nosa reforma parte dunha perspectiva coeducadora e busca reconstruir desde o coñecemento do que somos para poder así convertérmonos no que aspiramos a ser.

O noso obxectivo final, conseguir que homes e mulleres sexan conscientes da necesidade de respectar o cuarto propio de cada un de nòs, a nosa liberdade como persoas merecedoras de todo o respecto, pero tamén sendo conscientes de que ese espazo propio sitúase nunha casa-sociedade compartida, por todos e todas quenes debemos conservala, mellorala, garantir espazos comúns de convivencia e sustentabilidade, e sermos conscientes que é labor de todos e todas, desde os nosos cuartos particulares, facernos cargo da mellora do espazo-mundo común a todos nós.


Para levar a cabo o noso proxecto de reforma é fundamental porén coñecer realmente cal é a estrutura e os materiais e formas que teñen esta nosa casa-sociedade.

UBICACIÓN

Que son as sociedades patriarcais? Como foron analizadas desde a Antropoloxía? Cómo condiciona a visión patriarcal a propia interpretación biolóxica e social? Estudiaremos a orixe das sociedades patriarcais a través dunha revisión das sociedades desde o punto de vista histórico, antropolóxico e social. Queremos chegar a comprender tanto dende o punto de vista diacrónico, a formación do sistema patriarcal ao longo dos séculos dende a Prehistoria, como tamén desde un punto de vista sincrónico, coñecer a existencia de distintas manifestacións culturais, económicas, sociais e políticas do patriarcado na a actualidade.

CIMENTACIÓN

Desde as distintas materias trataremos de coñecer cales son as bases ideolóxicas nas que se asentan as sociedades e como se fundamentou ao longo da historia a desigualdade con distintas teses hexemónicas historicamente na filosofía, na mitoloxía, na relixión e na ciencia. Desvelaremos  tamén outras teses, outras ideas que xa dende a Antigüedade defenden sociedades mais xustas e igualitarias. Estudiaremos a orixe de moitos dos estereotipos sociais, distinguindo precisamente o seu carácter social, e polo tanto mutable, fronte ao que se ten presentado como biolóxico ou natural.

MUROS E SOPORTES

É preciso revocar muros e sacar á luz a participación real das mulleres na historia, nas artes, na ciencia, na literatura, no poder político e na actividade económica.Trataremos de romper os estereotipos tantas veces asumidos de que a ausencia das mulleres nos espazos canónicos da nosa cultura, obedece a factores naturais, e incluso á estendida crenza de que as mulleres estiveron ausentes deste desenvolvemento cultural: veremos aqueles casos de mulleres que romperon a norma de non seren quen de existir para a historia, estudiaremos tamén cales foron os factores que fixeron que para elas fose moito mais difícil pasar con ese nome propio á historia e cales foron as vías polas que chegaron a ser coñecidas.

ELEMENTOS DECORATIVOS

Distintos grupos de traballo van analizar as manifestacións estéticas da desigualdade: analizaremos obras plásticas, cultura audiovisual, literatura, que representaron ou representan un mundo desigual e significan en moitos casos un atranco na procura da igualdade. Veremos a existencia de estereotipos de xénero que dificultan acadar sociedades igualitarias e menos violentas: como tanto homes como mulleres están presionados por estereotipos de masculinidade e feminidade hexemónica que entre outras cousas contribúen a perpetuar esa imaxe de enfrontamento e guerra de sexos, que acaba por determinar a existencia de problemas “de mulleres”, como a violación, a prostitución, a violencia machista, que son problemas sociais que afectan a todos e a todas.

CUBERTAS

Neste punto do noso proxecto estamos xa en condicións de aspirar a culminar a nosa reforma estrutural do edificio substituíndo a fráxil cúpula de cristal por un teito a dúas augas, expresión do equilibrio e a xustiza. Para isto, pretendemos iniciar con este proxecto un traballo sistemático e continuado no tempo que aborde dende a educación o noso maior desafío, a promoción dunha sociedade mais xusta, mais igualitaria, mais inclusiva e mais nosa. Os e as grandes protagonistas destas novas cubertas a dúas aguas serán os nosos alumnos e alumnas que participan desde o inicio con ilusión neste proxecto de renovación. A través do grupo de igualdade NeoFem Luís Seoane, a través da súa participación activa nas aulas e sobre todo das súas ganas de saber e de mellorar.